Gaiteiro, compositor e docente, Isidro Vidal empezou dende moi neno no mundo da música, especializándose na súa vertente máis tradicional. Aínda que mostra unha gran paixón pola súa cultura, tamén garda un oco para a vangarda e a experimentación nos seus proxectos musicais. Tivemos a honra de poder falar con este artista e antigo alumno de Mayeusis sobre o seu percorrido profesional, o futuro da gaita galega e o seu paso polas clases do noso profesor Ernesto Campos.
Comezaches dende moi neno a tocar un instrumento tan tradicional coma a gaita galega. Co paso dos anos fuches adentrándote cada vez máis na cultura musical galega, estudando percusión tradicional, zanfona e etnomusicoloxía. Cales son as razóns polas que apostaches por este tipo de música?
Entrei en contacto coa música tradicional dunha forma moi natural aos 7 anos, e cando me din conta, formaba parte da miña vida, tanto como asistir ao colexio. Dende ben pequeno esta música deume a posibilidade de non só coñecer máis as miñas raíces, senón de coñecer numerosas culturas e países.
Cando tiña 12 anos, participei no Festival de gaiteiros de Strakonice (República Checa), sendo a miña primeira incursión internacional (sen contar Portugal, país que conto como unha extensión máis da Galiza, e que xa visitara anos anteriores). Dende aquelas, participei en numerosos festivais internacionais, actuando en media Europa ou Estados Unidos, podendo establecer conexión con músicos internacionais cos que poder intercambiar opinións ou informacións.
Cando tiña 15 anos, rozaba as 100 actuacións anuais, o que é 1/3 do ano. Mentres os meus compañeiros de clase dedicábanse ás vídeo consolas, ao fútbol ou á televisión, eu invertía este tempo en música, e cando te das conta, veste estudando numerosos instrumentos e carreiras todas relacionadas coa música tradicional.
Aprendín a desfrutar da música a través da música tradicional (facendo pequenas incursións noutros estilos) e apostei todo a ela.
Fuches alumno do Conservatorio Mayeusis. Como lembras o teu paso polas nosas aulas?
Recórdoo moi ben, sobre todo a lareira, a aula na que Ernesto Campos impartía a materia de gaita galega. É difícil hoxe en día atopar unha aula como aquela. Estar nun centro no que predomina o ámbito da música académica, e atoparte unha artesa na aula, fai que te sintas na túa salsa. É dicir, nós no grao profesional estudabamos maiormente música tradicional, e na aula respirábase ese sabor a terra, ás raíces.
2018 foi un ano especial para ti. Completaste con éxito o teu propio reto de compoñer unha peza musical de gaita ao día, conseguindo máis de 90.000 descargas online. Como valoras a experiencia e que aprendizaxes xurdiron durante o proceso?
A composición é algo que levo practicando dende moi novo, e xa no 2008 escribía tódalas noites un par de liñas musicais, das que só unha obra veu á luz. Foi a miña forma de aprender a compoñer. Logo realicei algunhas signaturas sobre composición, e no 2018 crinme por fin que valía como compositor, e o reto de compoñer unha peza ao día e publicala en redes sociais era a mellor estratexia de marketing que podía realizar.
Foi unha experiencia moi bonita, por que había interacción co público. Con cada partitura que publicabas, sentías o calor do público, podías ler as súas impresións, e incluso algunha vez cando se achegaba a noite e non había publicado a partitura, recibía numerosas mensaxes de preocupación, recordándome que tiña que escribir a obra do día. A verdade, creo que foi o proxecto máis grande que fixen, no que moita xente fixo que fose posible completalo, polos seus ánimos e valoracións positivas.
Deste proxecto aprendín non solo a compoñer mellor, senón a buscar novas fontes de inspiración, e a valorar moito máis á xente que hai detrás da pantalla. Moitas veces os artistas parecemos robots facendo publicacións tipo, pero este tipo de proxectos axudan a que poidamos ser máis humanos. Hoxe en día as miñas publicacións son todas naturais, comparto cando o necesito e dunha forma transparente. Non quero máscaras nen disfraces para relacionarme co meu público, gracias a eles estou onde estou.
Nos últimos anos a música tradicional galega está reinventándose e fusionándose con outros estilos. Ti mesmo lanzaches en 2019 ‘Boom’, un single cunha base electrónica que, como pode verse no videoclip, convida ao baile urbano. Grupos como Boyanka Kostova seguen esa liña, xuntando mineira e trap. Ves nesas fusións o futuro do instrumento ou crees que perdurará por enriba de todo a súa esencia tradicional?
No presente está claro que a fusión é moi importante, temos exemplos de éxito que nolo demostran. Baiuca é un proxecto que naceu dun galego que vive en Madrid, e conseguiu que nas pistas españolas a xente bailara con cancións en galego, para que logo digan que o galego solo sirve dentro de Galicia…
Se miramos ao pasado temos varios exemplos como o Spiritu 986 que xa fusionaban gaita con música de discoteca, ou a discografía de Carlos Núñez quen pasou a súa carreira fusionando a gaita con diversos estilos.
A fusión é riqueza, e é o presente. Pero a música tradicional é algo que hoxe está moi vivo, e será a música que perdurará en fronte as fusións, por que é a nosa música. Eu podo subirme a un escenario e facer música de fusión, pero cando me xunto cos meus amigos, as tapas de polbo á feira do carballiño as aderezamos con música do país, por que é o noso, é o que levamos no corazón.
Aínda que a gaita galega sexa algo moi noso, puideches achegarte a público internacional coas túas composicións. Que países son máis receptivos a ese tipo de son?
Despois de actuar en numerosos países, en xeral teño a impresión de que en tódalas culturas gusta a gaita galega e o seu son. En canto ás composicións, foron tocadas por gaiteiros escoceses, suízos, belgas, portugueses ou xaponeses, por citar algúns, e as impresións foron todas moi boas.
A situación vivida durante a pandemia da COVID-19 paralizou moito a actividade cultural, pero tamén está permitindo a moitos artistas desenvolverse creativamente. Durante a cuarentena vimos como aproveitabas os días na casa para subir na Internet composicións musicais con títulos tan representativos como «Pausa», «Esperanza» ou «Claustrofobia». Avecíñanse novos proxectos?
Eu son dos que nunca descansa, sempre estou realizando proxectos ou dándolles forma. Actualmente teño varios frontes abertos no ámbito da docencia, da composición ou da interpretación.
Estou compoñendo para outros músicos baixo encarga, no ámbito da docencia este ano académico dupliquei as escolas e conservatorios nos que traballo e en breves anunciarei un novo curso internacional de gaita que dirixirei eu mesmo, e como intérprete o próximo mes estarei participando no Festival Celta de México.
Teño un disco gardado no caixón dende marzo, a esperas de que se poida realizar unha xira en condicións para poder editalo fisicamente, e o resto de proxectos, irei anunciándoos pouco a pouco en función de como evolucione a situación sanitaria que estamos a vivir.
Xa por último, anímaste a darlles algún consello aos nosos alumnos que están buscando un futuro profesional na música?
Formación. É o máis importante, aprendede a defendervos o mellor posible co voso instrumento, e apoiádevos en materias de composición, gravación, marketing, redes sociais e comunicación. Son os pilares do músico autoxestionado.