Dende os anos 70 ata a actualidade a música cantada en galego pasou por moi distintos eidos: a canción protesta con Benedicto García Villar, o pop con, por exemplo, Andrés do Barro, o folk con A Roda ata a música máis actual con referentes como A Banda da Loba. En Mayeusis queremos facer un pequeno percorrido pola historia da nosa música para homenaxear aos artistas que manteñen viva a nosa lingua.
Gustaríache saber máis? Acompáñanos nesta viaxe pola historia.
A canción protesta en Galicia
Comezamos na década dos 60, en plena ditadura franquista: o cantautor en lingua valenciana Raimon ofrece un concerto en Santiago de Compostela en 1967, isto alenta unha folga universitaria e un encerro de estudantes. Así nace Voces Ceibes coa intención de botarlle un pulso ao franquismo, facer cancións de autor en galego e comprometerse coas clases traballadoras.
Este colectivo reuniu a distintos músicos en torno á canción protesta e alcanzou o seu esplendor co concerto no Cine Capitol de 1968 no que participaron Benedicto García (ao que podemos considerar o fundador de Voces Ceibes), Xavier del Valle, Guillermo Rojo, Xerardo Moscoso, Vicente Araguas e Miro Casavella.
A maior parte dos compoñentes de Voces Ceibes gravou discos en solitario coa discográfica Edigsa, utilizando textos propios ou de poetas como Celso Emilio Ferreiro nas súas cancións. As diferencias e os cambios políticos fixeron que o grupo se disolvera en 1974, deixándonos un legado musical de moitísimo valor.
Os cantautores dos anos 70
Nos anos 70, pasamos da canción de protesta social de Voces Ceibes á canción con letras de poetas galegos musicada con folk progresivo de Luis Emilio Batallán ou incluso á música discotequera da man de Andrés do Barro.
Suso Vaamonde
Entrou en contacto coa movida roqueira viguesa moi cedo e formou parte de Voces Ceibes. O seu traballo musicando poemas de escritores galegos xirou ao redor dun pensamento: a defensa do pobo, da terra e da lingua. En 1979 deu un recital antinuclear na praza da Ferrería en Pontevedra e, co fervor do momento, engadiu unha estrofa á popular Uah!; o que fixo que fose condenado a seis anos e un día de cárcere por “Injurias a la Patria con Publicidad”. Tras isto, exiliouse para voltar en 1986 e ser considerado o primeiro preso político da democracia, foi indultado tras 46 días no cárcere de Ourense.
Luis Emilio Batallán
Estudou medicina pero moi cedo se decantou por dirixir a súa carreira cara á música. O seu primeiro disco Ahí ven o Maio, cunha clara identidade política chegou a ser o elepé máis vendido da música en galego con case medio millón de copias vendidas. Musicalizou poemas de Álvaro Cunqueiro, Celso Emilio Ferreiro, Ramón Cabanillas e Rosalía de Castro con folk progresivo.
Fuxan os Ventos
O grupo comezou a súa andadura co nome Folk 72, pero tras gañar o primeiro premio do III Festival Musical de San Lucas coa canción “Fuxan os Ventos” adoptaron oficialmente ese nome. Comprometidos co folclore, a cultura e a identidade galega acadan o seu maior éxito co disco Sementeira ao que seguiu o seu período de máis actividade chegando a facer cen concertos ao ano.
O pop en galego
O pop en galego chegou ao número un das listas españolas da man de Andrés do Barro e tamén tivo como representante a un mallorquín de nacemento, Juan Pardo.
Andrés do Barro
Na época do franquismo foi un dos primeiros cantantes en expresarse en galego. A súa canción Corpiño Xeitoso de 1970 foi número 1 das listas musicais españolas, sendo a única canción cantada en lingua non oficial, xa que aínda estabamos en plena ditadura, que acadou este éxito.
Juan Pardo
Cantautor e compositor. Unha das grandes figuras da música en España non só polos seus propios discos, senón por compoñer temas para outros grandes artistas como Rocío Jurado ou Marisol. No ano 1976 graba a súa homenaxe a Galicia, terra onde se criou, Galicia miña nai dos dous mares musicalizando poemas de Antonio D. Olano, Eduardo Pondal e Ramón Cabanillas e incluindo o Himno de Galicia.
Dos anos 80 á actualidade
Se tivésemos que mencionar a todos os que cantan en galego a día de hoxe, este artigo converteríase nun libro inmenso; o que é unha gran evolución a pesares de que falta un longo camiño por percorrer.
Pilocha
O seu primeiro disco é de 1978, o homónimo Pilocha; no que predominan as cancións folk melódicas, con ecos celtas e incluso ritmos progresivos. Abandonou durante un tempo os escenarios porque a discográfica coa que traballaba presionábaa para cantar en castelán, pero Antón Seoane resulta unha figura fundamental para animala a gravar de novo un disco, Calamida Sentimental en 1998. Con Seoane tamén pon en marcha un proxecto dirixido aos cativos, Conservas Lambón. Cancións Para os Croques. Participa na gravación de cancións tradicionais O Quiquiriquí: Cantos Para o Nadal e na actualidade continua ligada á música, tanto creando un novo disco como asesorando no Teatro do Atlántico.
Xosé Manuel Conde
Inicia a súa andaina musical no teatro e a finais dos 70 comeza a gravar como cantautor en galego dous discos Bule, Berra, Chora e A nosa Música. Segue a traballar como compositor de bandas sonoras para obras teatrais como Quinto Centenario, O faro, Chicho e a Santa Compaña ou Karaoke.
A Roda
É un grupo de música folk e tradicional galega que naceu en 1976. O seu primeiro disco, cheo de cancións populares como O andar miudiño, conseguiu un dos Premio da Crítica de Galicia. Tras os elepés Falemos galego e Pra os amigos comezan a tocar por Galicia e outros lugares do mundo como México ou Gran Bretaña. Na actualidade o grupo mantén a esencia dos seus inicios.
Queremos pechar este percorrido pola historia da música en galego falando dun grupo de mulleres: A Banda da Loba. Como sabedes, o Día das Letras Galegas de 2021 adicouse á figura de Xela Arias, A Banda da Loba musicou o seu poema Intempériome, facendo unha homenaxe a esta escritora chea de sinceridade artística.
A Banda da Loba
Integrada por cinco mulleres (Andrea Porto Mato – baixo, Estela Rodríguez Carvalho – violín, Inés Mirás – guitarras, Marcela Porto – percusión e Xiana Lastra – voz), que decidiron unir as súas traxectorias individuais para dar voz a este proxecto, destaca a creación dun repertorio propio baseado tanto en letras da súa autoría como en musicalizacións de poetas célebres ou outros textos tomados dos poemarios de escritoras contemporáneas. Todo isto, baixo un estilo ecléctico e heteroxéneo que bebe do rock, do pop, do folk… En decembro de 2017 sacan o seu primeiro traballo discográfico, Bailando as rúas. Tras o gran éxito acadado, dentro e fóra do noso territorio, presentan agora o seu novo traballo, Fábrica de luz.
A información sobre A Banda da Loba foi sacada da súa web http://abandadaloba.gal/ Recomendámosvos botarlle un ollo e coñecer máis en profundidade a este grupo de mulleres ao que lles queda moito percorrido musical por diante.
Sabemos que moitos e moitas artistas quedan fóra desta recompilación, pero esperamos que vos gustara e descubrísedes novos intérpretes en galego que vos chamasen a atención. E ti, a que músico vocal en lingua galega admiras?
AUTOR: Artigo escrito coa colaboración de Ernesto Campos