Que aconteceu coa música galega, a cantada en galego e a tradicional da nosa terra? Dende que fixemos a entrada do noso blog A música en galego: un pequeno percorrido pola nosa historia musical, pasou algo que nos puxo no centro da actualidade: a participación dun grupo de mulleres galegas nun festival. Xa sabes de que estamos a falar? O efecto Tanxugueiras. Pero non só deste feito bebe o auxe da música galega na actualidade.
Acompáñasnos a analizar o panorama musical galego? Imos aló.
As últimas décadas da música galega
Así rematabamos a nosa entrada: Se tivésemos que mencionar a todos os que cantan en galego a día de hoxe, este artigo converteríase nun libro inmenso; o que é unha gran evolución a pesares de que falta un longo camiño por percorrer.
E segue a faltar moito por andar, pero hoxe contamos con grupos e cantantes en galego que están a medrar fóra das nosas fronteiras. Isto débese ao gran traballo de artistas como A Banda da Loba, Baiuca, Mercedes Peón… xunto a unha mistura de sorte, como ocorreu coa viralización da Muiñeira Trap de Boyanka Kostova ou a repercusión mediática da participación de Tanxugueiras no Benidorm Fest.
O éxito do folk galego nos anos 90
Nos anos 90, varios músicos galegos dirixiron a súa carreira a actualizar a tradición galega, conseguindo popularizala e que fose un éxito comercial. Falamos de Luar na Lubre, Carlos Nuñez ou Berrogüetto.
Luar na Lubre: a banda fundada en A Coruña define o seu traballo con estas palabras “Interpretamos músicas tradicionais, vellas cancións, sempre dende a nosa visión”. Acadaron o éxito internacional, incluso Mike Oldfield incluíu no seu albume Voyager unha versión da canción deste grupo galego: O son do ar.
Carlos Nuñez: lanzou o seu primeiro disco en 1996, A irmandade das estrelas, que supuxo un antes e un despois para a música tradicional galega e a difusión da música celta. Hogano, máis de 25 anos despois, consolida o espírito de fusión e irmandade co que naceu a súa música.
Berrogüetto: unha formación creada para ser “O berro dos que non teñen voz”, con harmonías tradicionais fusionadas con frescura que sempre miraban máis alá das fronteiras galegas. Por desgraza, a banda disolveuse en 2014, deixando un profundo pesar nos amantes da World Music.
Mercedes Peón, a precursora
Mercedes Peón pasou parte da súa vida viaxando de aldea en aldea para recoller a música e a tradición oral do noso pobo e poder transmitila ás vindeiras xeracións, o arquivo galego débelle moito a esta gran muller. Tamén adicou gran parte da súa vida á ensinanza de música e baile tradicionais galegos.
No ano 2000 lanza o seu primeiro albume en solitario, Isué, no que interpreta aqueles vellos temas que buscara de aldea en aldea outorgándolles a súa marca persoal. Un xeito totalmente innovador de entender a música tradicional galega: misturas electrónicas, rock industrial… que lle conceden o recoñecemento de público e crítica en toda Europa.
O panorama actual
Como dicía Calvo del Olmo “Quen esquece as súas raíces, perde a súa identidade”, de aí a importancia do traballo previo pola conservación da tradición musical; igual de importante que poñela no foco mundial, tal e como fixeron os artistas dos que vimos falando.
E o panorama actual? Quen son os grupos e cantantes que están a traballar pola nosa tradición? En quen se sostén o auxe da música galega, máis alá de Tanxugueiras? Imos a descubrilo xuntos!
Tanxugueiras: comezamos con elas, co fito que nos puxo na mirada do mundo enteiro. Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro foron propostas polo público para participar no Benidorm Fest tras escoitar o seu tema Figa. No festival presentaron Terra e conseguiron que toda España falara dun grupo que non cantaba en castelán e que tocaba unha música tradicional non tan coñecida no noso país. A partir deste momento, subiron as inscricións nos grupos de pandereteiras, nas clases de baile tradicional galego e o mundo fixouse con atención na música de Galicia.
Baiuca: Alex Casanova é o precursor deste proxecto. Movido pola morriña decidiu achegar a tradición galega á vangarda e misturala coa música electrónica. Instrumentos como cunchas, frautas ou gaitas, voces tradicionais e sintetizadores conforman as cancións de Baiuca.
A Banda da Loba: xa falamos deste grupo no artigo do ano pasado, cinco mulleres que musicaron o poema Intempériome de Xela Arias, á que se adicou o Día das Letras Galegas de 2021. O seu repertorio está baseado nun estilo ecléctico de rock, pop e folk.
Lume: o único disco deste proxecto de Eloy Platas é unha reactivación da música galega de raíz. É tradición musical nacida en pleno século XXI, é un repaso ás cancións que pasaron de xeración en xeración no noso pobo, interpretadas con ruidismo e sons experimentais.
Boyanka Kostova: este dúo de música trap inventou o twerking rural e conseguiu viralizar a súa especial versión da Muiñeira. As súas letras falan do rural galego dende a retranca e o humor. Son a esencia da música galega máis urbana.
Estamos moi ilusionados con este novo rexurdir da nosa música tradicional e cantada en galego, sabemos que faltan moitos nomes que merecen mención neste artigo. E a ti, a quen che gustaría engadir neste repaso da actualidade musical de Galicia?